Realidades en primeira persoa

Cristina Cerdeira

Os muros dos cárceres son barreiras que separan dúas realidades. Separan familias, vidas, mundos. A un lado está a escuridade do cemento e ó outro está a luz do día. En ambos mundos hai persoas.

Os muros do cárcere de Teixeiro, en Galiza, non son totalmente un obstáculo para as presas dos módulos 9 e 10. Estas mulleres poden comunicarse co mundo exterior a través do seu blog, Chicass10, e pronto poderán facelo tamén a través do novo proxecto que a asociación “Nosotras Intramuros” vai pór en marcha este outubro. Este novo proxecto chamarase En Primera Persona e consistirá na celebración de actos fóra do cárcere nos que falarán as propias reclusas, que poderán saír ó exterior, para falar da súa realidade no cárcere.

Para as reclusas de Teixeiro as novas tecnoloxías e Internet foron unhas ferramentas perfectas para sobrevivir, para non desaparecer desta sociedade en constante evolución onde o ritmo é frenético. O seu blog así o confirma e a el débenlle o estar máis preto do mundo. Aínda así elas non poden ter acceso directo ó seu blog porque dentro do cárcere non se lles permite acceder a Internet. Esta é outra das batallas que teñen pendentes e pola que están “loitando”.

Moi poucos, ou mesmo podería dicir ninguén, exceptuando a familia dos reclusos, pensan en que nos cárceres do noso país hai miles de presos que tamén teñen unha familia, quizais fillos… e en que non poden expresar os seus pensamentos, non teñen posibilidades de avanzar e evolucionar xunto coa sociedade, do mesmo xeito que as persoas que nos atopamos fóra dos grises muros . 

Os proxectos culturais Chicass10 e En Primera Persona, onde participan as presas de Teixeiro, partiu de Pilar Mingote, fundadora de Nosotras Intramuros, asociación sociocultural que axuda á reinserción das presas nesta cárcere galega. A través deste proxecto as presas seguen suxeitas ó mundo real, a esa sociedade en cambio á que intentan seguir. Escribir nese blog é tamén unha forma de romper estereotipos e de demostrar que dentro do centro penitenciario tamén hai xente normal.

Para nós ter acceso a Internet, chatear, mandarnos correos electrónicos en lugar das xa tradicionais cartas en papel, o messenger ou mesmo os xornais dixitais, xa non é algo novidoso. Facémolo a miúdo e mesmo hai cousas que se converteron nunha costume. Deberiamos preguntarnos cantas persoas acenden o ordenador soamente unha vez ó día simplemente para mirar o correo electrónico ou para buscar algo en google. A nosa realidade é esta: Internet forma parte da nosa rutina diaria. Para as reclusas de Teixeiro participar nun blog significa manter contacto co mundo exterior, supón seguir aprendendo, seguir evolucionando e non quedarse atrás. Queren que a educación chegue tamén ás peninteciarías e que sexa o primeiro paso dunha reinserción exitosa.

A educación é fundamental. Tan fundamental que nos levan ó colexio cando nós tan sequera podemos decidir. Con catro anos comezamos a aprendizaxe, pero durante a vida a formación e a educación é contínua e imprescindible para non quedar varados no pasado.

En case calquera traballo é requisito indispensable ter uns mínimos coñecementos de informática. O proxecto que Pilar Mingote encabeza no cárcere de Teixeiro pretende precisamente que cando as reclusas saian poidan defenderse soas e poidan atopar traballo, que a súa reinserción na sociedade sexa o menos dura posible e que non se atopen totalmente desprotexidas. Este é o obxectivo fundamental dos seus dous proxectos, xa mencionados.

É o que teñen as novas tecnoloxías. Todos podemos chegar a todos, iso si, se nos dan a oportunidade de facelo e para iso precísanse medios. As presas dos módulos 9 e 10 de Teixeiro non queren que se lles pare o reloxo do tempo e piden, como indican no seu artigo Blogosfera, que non as exclúan da educación como forma de reinserción. A reinserción pasa pola educación e hoxe a  educación chamase dixital. Chicass 10 amosa outra forma de percibir a realidade e axuda a enriquecer a blogosfera.  As reclusas de Teixeiro esperan que tamén poidan aportar e aprender algo máis con ese ciclo de conferencias dentro do seu proxecto En Primera Persona das que serán protagonistas indiscutibles.

Deja un comentario