Laura Cerdeira
Esperanza. Tralas reixas do cárcere tamén hai esperanza porque hai vida, e como se acostuma dicir “mentres hai vida …”. As mulleres do módulo 9 e 10 do cárcere coruñés de Teixeiro albergan ilusión porque o vindeiro outubro, cando se inicien as clases, elas tamén afrontarán un curso cheo de retos. Será entón cando comecen un ciclo de conferencias para adolescentes, co fin de facer libres as súas palabras, de recordarlle á sociedade que tamén forman parte dela e que aínda presas teñen cousas que dicir. Darán a coñecer a súa vida diaria na cadea e deste xeito faranse visibles. Experiencias, sentimentos, desexos… Teñen moitas cousas que contar.
A Faculdade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela acolleu hoxe xoves, 15 de maio, á 1:30 as primeiras verbas de Monse, unha reclusa da prisión de Teixeiro, que veu acompañada dun funcionario de prisións, e de Pilar Mingote, presidenta da asociación sociocultural “Nosotras Intramuros”.
“En primeira persoa” é o nome que define o novo proxecto de sete mulleres do cárcere de Teixeiro e que se suma ós xa levados adiante dende “Nosotras Intramuros”, asociación que traballa para a reinserción das presas desta prisión. Pilar Mingote deixou claro que queren ter voz en primeira persoa, de aí a escolla do título.
En xuño do pasado ano puxeron en marcha un blog, ó que chamaron chicass10.blogspot.com co obxecto de amosar que teñen moito que aportar e reivindican a súa participación no diálogo social. Queren eliminar os estereotipos que existen sobre os presos en xeral e das mulleres en particular. De momento, Pilar Mingote é a encargada de transcribir os textos que as presas elaboran, xa que non teñen Internet na cadea.
As presas de Teixeiro reivindican cos seus proxectos o seu dereito á reeducación, ó principio resocializador, piden unha oportunidade para corrixir a súa conduta. Como afirma Ana, unha das reclusas, a través do blog de Chicass10, nunca miran cara atrás, sempre cara adiante. Manteñen a esperanza, loitan por ser outras persoas e porque se lles escoite. Pilar Mingote asegura que “só cando perdes a ilusión perdes totalmente a liberdade. Eu creo na educación. Hai que educar, dar unha formación no cárcere e dar emprego unha vez que as reclusas están fóra da cadea”.
No plano teórico-xurídico, a finalidade das penas privativas de liberdade é a de reeducar e reinsertar na sociedade ás persoas que cometeron un delito. Así o ordea a Constitución no seu artigo 25.2, cando di que “as penas privativas de liberdade e as medidas de seguridade estarán orientadas cara a reeducación e a reinserción social… O condenado a pena de prisión… gozará dos dereitos fundamentais deste capítulo”, é dicir, de tódolos dereitos fundamentais dos cidadáns, a excepción daqueles que limite a propia sentencia. A mesma idea está plasmada na Lei Orgánica Xeal Penitenciaria, así como no Regulamento que a desenrola.
A cadea de Teixeiro é pioneira en proxectos de reinserción. A esta iniciativa seguíronlle ás doutros cárceres galegos. Non obstante, Monse e Pilar denuncian a non aplicación da normativa de reinserción na prisión de Teixeiro. “Onde está o Estado de Dereito e a democracia española?, onde está a Lei de Igualdade?”, pregúntase Pilar. (ver vídeo resumo).
O artigo 3 do citado Regulamento Penitenciario di que “o principio inspirador do cumprimento das penas e medidas de seguridade privativas de liberdade será a consideración de que o interno está suxeito de dereito e non se encontra excluído da sociedade, senón que continua formando parte da mesma. En consecuencia, a vida na cadea debe tomar como referencia a vida en liberdade, reducindo ó máximo os efectos nocivos do internamento, favorecendo os vínculos sociais, a colaboración e participación das entidades públicas e privadas e o acceso ás prestacións públicas”.
As reclusas do cárcere de Teixeiro están traballando para que se cumpran estes dereitos, os seus dereitos. No seu blog recollen o Capítulo IX da Lei Orgánica de Educación, polo cal nos establecementos penintenciarios se lles deberá garantir ós reclusos o acceso á ensinanza para as persoas adultas. Tódalas decisións que adoptan seguen esta liña, este obxectivo.
Monse, ante os alumnos de 1º e 3º curso de Xornalismo, asegurou que “a reinserción é necesaria pero tamén é certo que hai moita xente que ó saír do cárcere volve delinquir, sobre todo cando se trata do mundo das drogas, onde é moi fácil recaer”, mundo que levou a Monse á cadea.
Co proxecto “En primeira persoa” Monse renova a súa esperanza e soña con saír do cárcere para estar coa súa familia. “Quero recuperar os trece anos de liberdade que perdín entre reixas, ter unha vida como calquera persoa. Boto de menos ós meus fillos. Levo sete anos sen velos”, sentencia.
Ler máis …
CRÓNICA: “Canto aguantaremos?”
OPINIÓN: Realidades en primeira persoa
ANEXO: “Panorama actual da rebeldía xuvenil”