Ánxela Pereira é licenciada en Xornalismo
pola Universidade de Santiago de Compostela
e na actualidade está elaborando unha tese
sobre a evolución do discurso ambiental
na prensa galega, tomando como punto
de partida os anos 60.
Laura Cerdeira
- A contaminación do río Sar derívase da falta de concienciación medio ambiental?
- Dende logo que si. Aínda que a xente, ó preguntarlle, afirma que si se preocupa polo medio ambiente a realidade dista moito do desexable. A concienciación medio ambiental na sociedade galega, en particular, aínda que se podería xeralizar perfectamente, é relativa. De palabra si que hai, todo o mundo se preocupa pero logo quédase en nada. As palabras lévaas o vento e é unha pena porque a concienciación social é imprescindible neste tipo de temas.
- En toda cadea de concienciación os medios de comunicación son fundamentais para chegar á xente.
- Por suposto. Desempeñan un labor moi importante nese senso pero o problema é que na maioría dos casos en materia ambiental o labor que realizan é insuficiente, mesmo antixornalístico.
- Ese antixornalismo do que fala débese en parte á mala selección das fontes empregadas nas noticias de temática ambiental?
- Efectivamente. Unha das principais carencias das noticias medio ambientais é a referencia como fonte única á Administración. Un exemplo sinxelo: de 100 noticias de temática medio ambiental que poden aparecer nun xornal só o 13% delas contan con expertos como fontes.
- Neste senso, son necesarios os xornalistas especializados en medio ambiente.
- Si. Aí está a clave. De igual maneira que hai xornalistas especializados en política ou en economía debería haber xornalistas especializados en medio ambiente. É unha necesidade que se fai notar nas carencias deste tipo de noticias, realizadas na maioría dos casos por xornalistas xeralistas, que saben de todo un pouco. O desexable é facer un xornalismo de prevención, de anticipación.
- Existe unha ampla lexislación sobre augas continentais e sobre a conservación dos ríos. Non obstante, os ríos seguen estando contaminados. Onde está o erro?
- Na forma de executar a lexislación por parte da Administración. Lexíslase pero logo non se fai cumprir esta lexislación. Entón non serve de nada. A lexislación é ampla pero ineficiente.
- A tríada conformada por científicos, administracións responsables do medio ambiente e polos xornalistas especializados en medio ambiente é a que pode conseguir que se chegue a un óptimo nivel de concienciación ambiental?
- Sí, sería algo moi positivo se verdadeiramente se conxugaran estes tres elementeos, se actuaran conxuntamente. Por desgraza non ocorre así, posto que aínda segue existindo moita desconfianza entre os tres. Uns non se fían dos outros. Quen o termina pagando é a sociedade, á que lle chegan infomacións incompletas ou erróneas.
- Hoxe en día a temática ambiental deriva cara o discurso político?
- Esa é unha das grandes lacras que fan que a información ambiental non se desenvolva como debera nos medios de comunicación. O feito de que se derive cara o discurso político implica unha desvirtuación da información medio ambiental. O que logo inflúe no pensamento da xente, na súa falta de concienciación. Ó fin todo é unha cadea. Se falla un eslavón os outros tamén rematan fallando.
- A pesares de tódalas trabas, existe a convicción, cando menos a esperanza, de que chegará un día no que a xente estará realmente concienciada cos temas medio ambientais?
- Máis ben esperanza. Pola miña parte esperanza. Pero tamén hai que ser realistas. É un traballo moi complexo e de moitos anos. Diría que é un traballo de décadas. É imposible que da noite para a mañá cambie o pensamento da xente. Iso é algo comprensibel, normal. Pero débese comezar a traballar dende agora porque senón esa década vaise converter en séculos.