Que a meirande parte dos ríos galegos están contaminados non é nada novo, o que si resulta desolador é o descoñecemento da propia comunidade para coas súas augas fluviais. A principal razón de contaminación dos ríos é o vertido de augas residuais de diferente procedencia: urbana, industrial…. Outras fontes poden ser o vertido de residuos sólidos ou a deposición desde atmosferas contaminadas. Logo, observamos que é o mesmo ser humano quen contamina para despois ignorar unha mesma realidade da que é responsable e partícipe.
Serán o sen sentido ou a despreocupación parella á crise de valores desta nosa sociedade, os detonantes primordiais da actuación contaminante do home. Consumimos e consumimos, e seremos á fin consumidos pola ansia destrutora que nos move, incluso na contra da natureza mesma que nos deu a vida. Ríos, rías, lagoas, estanques, fontes, e o mesmo mar como berce dunha sorprendente explosión de vida; dan hoxe cabida a todo tipo de residuos e sustancias contaminantes.
Parece que facemos oídos xordos ás reaccións coas que estes contestan ós nosos abusos. A resposta dun río ante un vertido residual tradúcese nunha modificación das características das augas e nunha ruptura do ecosistema natural, desaparecendo as especies propias dos ríos limpos e aparecendo outras novas. O impacto pode conducir á substitución das especies piscícolas sensibles por outras máis resistentes, ou a desaparición total dos peixes e a conversión do cauce nunha masa de augas putrefactas ou tóxicas. Mesmo nestes casos a sabedoría da Terra bate de fronte co noso grao superlativo de estupidez e imperfección, xa que o rio ten certa capacidade de autodepuración, permitindo que despois dunha distancia máis ou menos grande do punto de vertido observemos unha recuperación total ou parcial.
E é que cando as augas se tornan semellan amosa-lo noso anteface do revés, deixando ó descuberto a luz da culpabilidade.
Noelia García Gómez