Contos de vellos…

8 04 2008

Das verbas obtidas dos anciáns da Aldea de Besteiros, na Parroquia de San Cristobo (Ourense)

O cruceiro dos lobos 

Falaban os vellos de que había pedras milagreiras, vellos que non eran canteiros nin coñecedores dos segredos graníticos, senón xentes da terra. Eran labregos da montaña. Do solpor ó anoitecer resucitaban e morrían ós poucos nas duras labores do campo, para naceren despois no cuarto da casa de Elvira, bailando e contando contos ata caeren co sono. Supoño que por seren expertos nos dixome-dixome serán eles os verdadeiros donos das lendas, e nunca quen as transcribe a un papel. 

Romeu é un home rudo e trapalleiro que inventa contos para durmir ás súas netas, fálalles das súas aventuras na caza, do “bicho” que é como el lle chama ó xabaril, dos zorros pequenos e dos cervos saltaríns das montañas máis altas. Ten as fazulas coloradas e os dentes separados e escachados de comer tanto doce. “Ata lle bota azúcar ó caldo! “- di Susana, a súa muller, levando as mans á cabeza.  

Pois ben, din as xentes do lugar que Romeu case non dorme desque viu ós lobos cantar diante do cruceiro do Souto. Non é que o medo lle quite o sono, é que non pode deixar de soñar día e noite cos ollos abertos.  

Sendo neno saíra coa escopeta ó monte do Gulfar, na compaña do pai e de dous curmáns máis vellos. A pesares da súa xuventude, non había quen lle gañara en intelixencia, e por iso decidiu remontarse tra-lo cruce dos camiños para ver como o lobo baixaba ó pobo dende a cima do monte. Pero o rapaciño ficou pampo e cos ollos humedecidos da emoción cando viu desfilar ladeira abaixo a unha manada de lobos grises. Pasiño a pasiño, un tras outro e sen facer ruído ningún, os animais desdebuxáronse na encrucillada simulando unha sorte de círculo. Como o neno non acordaba, non entendía que pasaba, tiña a boca tan aberta coma os ollos, e decidiu calar, como facían os lobos, para non molestalos no seu estraño ritual. Alí estaban os animais, rodeando ó cruceiro do Souto coma se de bailaríns se tratase.  

E que pasará?- pensaba o neno, ninguén vai crer isto! Absorto nas súas meditacións e posibilidades perversas, ficou o pícaro posuído ó escoita-lo musical de ouveos que facía treme-los eidos. Coma levado por unha forza superior, Romeu saíu do recuncho no que se agochaba e dirixiuse ó grupo animal. Non tiña medo, era absolutamente libre, e tamén quería ouvear coma os lobos, que esa noite lle dixeran moitas cousas, para que as esquecese á mañá seguinte.  

Cantaban os lobos, cantaban nas noites de lúa chea, facendo rituais no cruceiro do Souto para dicirlles ás xentes segredos da fraga que xa ninguén lembra…


Acciones

Información

Deja un comentario