“Canto aguantaremos?”

Marcos Doespiritusanto

“Sinto medo porque ás veces creo que isto se acaba, e elas nótanmo”. Pilar Mingote leva varios anos presidindo “Nosotras Intramuros”, unha asociación sociocultural que centra os seus esforzos en impulsar a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres nos cárceres e en formar ás reclusas do penal de Teixeiro para a súa reinserción na sociedade.

Esta vez, tocaba dar inicio a un ciclo de conferencias para concienciar á xente da necesidade de impulsar medidas de axuda a favor dun colectivo que arrastra unha forte discriminación no interior dos cárceres; as mulleres. E que mellor sitio para estrearse que a Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela. Pilar acudiu acompañada de Monse Gómez, unha reclusa do cárcere de Teixeiro que forma parte desta asociación e que, ó mesmo tempo, é beneficiaria dos programas postos en marcha neste centro penitenciario.

Era a primeira vez que Monse participaba nunha conferencia para falar en público dos seus problemas coa droga e da súa entrada no cárcere. As mans tremíanlle e a súa mirada fixábase nas ducias de persoas que acudimos á conferencia. Sabía que esta era unha oportunidade única para dar a coñecer a situación de desamparo e desigualdade que sofren reclusas como ela e para lanzar unha chamada de atención sobre os perigos da droga na xuventude. Dende un comezo, Monse amosou unha enteireza case sorprendente e rompeu con tódolos prexuízos que cada un dos asistentes puideramos ter sobre as persoas insertas en centros penitenciarios. “Non somos un desfeito humán, como moitas persoas cren todavía” reivindicou Monse coa voz en alto. As súas palabras amosábannos a unha muller entusiasta e alegre, irónica incluso coa vida que lle tocou vivir”.

“Púxenme moi nervosa”, tatexou polo baixo a Pilar mentres a sala se fundía nun aplauso infinito despois de ter escoitada a súa intervención; “tranquila muller, non se che notou nada”, contestoulle Pilar cun sorriso tranquilizador. Vendo aquelas dúas mulleres alí sentadas, percibíase que aquel non era un día calquera para ningunha delas. Pilar Mingote denunciou a falta de apoios ó seu proxecto e a escasa concienciación que existe de cara á situación das mulleres que están dentro dos cárceres. Monse actuou como o vivo reflexo da necesidade que supón o impulso dunha formación axeitada para estas mulleres e tamén da necesidade de facilitarlles un certo amaparo social despois da súa saída para evitar que reincidan nos delitos que as levaron a este inferno. “Cando saen do cárcere para elas non hai nada”, sentenciaba neste senso Pilar Mingote.

Para Monse este era un día moi agardado. Un alento de aire fresco fronte á abafante rutina que supón vivir un día e outro entre catro paredes. Un pequeno achegamento á ansiada liberdade que tanto debecía. “Isto para min é algo único”, confesaba agradecida.

Os que asitimos á conferencia tivemos a oportunidade de contemplar un exemplo de fortaleza humana, de esperanza, de ganas de vivir. O feito de que persoas como Monse estean obrigadas a cumprir unha condea non debería significar que non poidan facerse visibles socialmente e reivindicar as súas necesidades, o dereito a iniciaren unha vida nova unha vez fóra do cárcere.

Só cabe agardar que iniciativas como as da asociación “Nosotras Intramuros” sirvan para ofrecerlle a estas persoas a posibilidade de esquecer un pesadelo que formou parte das súas vidas mais que teñen o dereito de poderen encerrar no seu pasado.

 

Deja un comentario