Facendo uso do nome dunha das mellores obras de debuxos de Castelao, tentaremos afondar no seo dunha cultura tan nosa coma lendaria: a dos cruceiros.
Vencellados ás encrucilladas, os cruceiros están considerados como unha das manifestacións máis xenuínas da arquitectura popular galega e a súa orixe remóntase, segundo algúns autores, á época prehistórica en lugares nos que existían menhires, e que logo, coa chegada do cristianismo deixaron constancia da súa existencia pero baixo formas cristianizadas. Aseméllanse, pero o certo é que non é doado encontrar un igual. A súa presenza nos camiños e lugares sagrados esténdese por toda a nosa xeografía.
Os cruceiros son cruces de pedra que se colocan en lugares como os cruces de camiños, adros de igrexas, ermidas, ou incluso en entradas a cemiterios, sempre en relación con lugares de culto. Tamén se fala algunhas veces de cruceiros ó referirse ás cruces do viacrucis.
Estas cruces adoitan alzarse sobre unha plataforma con banzos que é común en Galicia e Irlanda, se ben na nosa comunidade autónoma tamén existen exemplares de cruceiros sen eles.
Cousa de bruxas?
Están fundamentalmente situados nas encrucilladas de camiños, consideradas berce dos mesmos, e en espazos vencellados con crenzas pagás posteriormente cristianizadas cos propios cruceiros como os lugares máxicos de curación, de reunión de ánimas, bruxas, etc. Deste xeito estes elementos adquiren un carácter simbólico sagrado, normalmente coa función de protección. Outras localizacións comúns son os lugares onde ocorreu algunha morte.
A presenza destes elementos é normalmente de orixe devota, aínda que non faltan tampouco os motivos rogativos, de loanza ou de ofrenda como causas da súa construción. Normalmente está financiada por algunha persoa que pretendía gañarse a súa indulxencia ou a da súa parroquia para con Deus; ofrece-la súa construción como voto para pedi-la curación dunha enfermidade ou protección ante unha situación perigosa. Coa finalidade de protección levantase un cruceiro nun campo de feira (para protexe-lo gando) ou tamén nun lugar onde houbo un acontecemento violento, un crime, para evitar que a alma errante das vítimas chegue a danar ós viandantes.
Os cruzamentos de camiños ou encrucilladas teñen gran valor para a comunidade porque son o centro da aldea. Neles adoita haber cruceiros ou petos de ánimas , que son obxectos de culto e parte integrante da paisaxe galega. Os cruceiros naceron unhas veces para cristianizar lugares de antigo culto pagán, para substituír quizais monumentos dedicados a divindades primitivas ou ós lares viais, que eran os deuses dos camiños na Gallaecia romanana.
Camiño a outro mundo
Os cruceiros, sen embargo, non son exclusivos das encrucilladas, hainos que marcan a fronteira coa parroquia veciña -cruzamentos de termo-, outros sinalan cada estación do vía crucis e outros recordan un accidente mortal ou un fusilamento. Algúns levan unha inscrición co nome de quen o mandou facer, co fin de pedir unha oración pola súa alma ou polos defuntos, en xeral. Ante os cruceiros paran os cortexos fúnebres que se dirixen ó cemiterio e incluso se coloca o ataúde sobre unha mesa de pedra que algúns teñen; alí recítanse responsos.
Nos cruceiros aparécense as ánimas e dan sinais de que alguén vai morrer pronto. As bruxas reúnense nas encrucilladas, especialmente diante dos cruceiros. A encrucillada é elemento imprescindible para ritos catárticos, profilácticos e de fecundación. A muller que abortou debe bautiza-los seus fillos non natos no cruzamento dun río cun camiño. A noite de San Xoán préndese o lume en moitas encrucilladas de camiños; tamén se queiman as bruxas.A importancia das encrucilladas vén dada por se-lo lugar de encontro do outro mundo -ánimas , bruxas e demos- cos deste. Na encrucillada conflúen os camiños procedentes do mundo oculto/deshabitado e os do mundo visible/habitado.
Os petos de ánimas
Os petos de ánimas atópanse en camiños e encrucilladas de toda Galicia, e son unha das manifestacións materiais do culto ós mortos, da devoción polas ánimas.
Galicia é un pobo profundamente relixioso, sentimento herdado dos seus antepasados e afincado en tradicións de santos repartidos por toda a nosa terra. É xeral a crenza en milagres, pequenos e grandes, e para todo se pide o favor do Ceo.
O seu significado
A crenza da continuidade da alma despois da morte e da existencia dun paso intermedio para chegar ó ceo, onde se redimen os pecados e faltas cometidas en vida, está moi arraigado na mentalidade popular galega.
Dentro das construccións populares, os petos de ánimas son os que evidencian a importancia do purgatorio . A finalidade destes elementos populares é que os vivos poidan ofrecer esmolas para a salvación das almas en pena que non encontran descanso no purgatorio, e así alcancen a felicidade no ceo. Unha vez liberadas, intercederán por quen fixo a ofrenda. Por tanto, trátase de procurar a salvación dos mortos pero tamén de asegurarse a propia.
A súa orixe
As almas do purgatorio son a meirande devoción galega despois de Cristo e da Nai; e, anque o culto teña a súa raigame no cerne mesmo do espírito galego, as mostras que se conservan son serodias.
A idea do purgatorio, aumentada e revitalizada a partir do Concilio de Trento (século XVI), fixo que se desenvolvese a práctica da construcción destes monumentos populares cunha determinada iconografía. Pero segundo parece, en Galicia é nos século XVII e XVIII cando se fan a maior parte destes monumentos dedicados ás ánimas.
Localización e dimensión
As encrucilladas aínda inspiran temor ós naturais do país, e a súa causa está en que pervive nas crenzas actuais consideralas como lugar que fora destinado ó enterramento, especialmente dos apartados da comunidade cristiá, de aí a crenza de que polas mesmas vaguen durante a noite as almas dos condenados.
Tanto a súa dimensión como iconografía son variadas, polo que é difícil establecer unha morfoloxía xeral, aínda que si se pode indicar que o corpo central do peto está composto por unha cavidade na que normalmente se representa ás ánimas no purgatorio, en relevo, pintura…, e un peto ou hucha para botar as esmolas. Estes elementos veñen a maioría das veces acompañados doutros secundarios: cornixas, pilastras, portiña de ferro. Tamén é habitual que ó pasar por diante do peto, se rece unha oración polas benditas ánimas para que poidan saír do purgatorio. As ánimas, sobre todo, ténselles respecto e non se poden esquecer nunca.
Cruceiros e Litaratura Popular
Refírese nun dos seus escritos Vicente Risco , indicando que hai cruceiros en cruces de camiños, (antigos trivios) substituíndo, se cadra, antigos altares ou monumentos pagáns dedicados ós Lares Viales ou ás divindades indíxenas que os precederon, hai os que son “cruces de término” (nos lindeiros das freguesías ou de antigos coutos), lembrando a antiga consagración das fronteiras; hai os que marcan as estacións do “vía crucis”, hai os que recordan unha morte, ou feitos tráxicos como fusilamentos en tempos de guerras civís ou doutras. Este costume segue aínda hoxe, somentes que as cruces que se poñen soen ser de ferro ou madeira.
Tamén alude Risco o feito de que en moitos cruceiros aparece unha inscrición na que se recolle o nome da persoa que o mandou construír, pero o máis habitual é que apareza soamente a data.
En canto á antigüidade dos cruceiros, Vicente Risco indica que os cruceiros máis antigos en Galicia son do século XIV, máis os de arte realmente popular son os barrocos, do século XVII deica hoxe. Estes cruceiros polo regular todos se asemellan e todos se diferencian, non habendo dous iguais. Teñen estilos diferentes, pero o máis común é que representen unha crucifixión, Cristo crucificado e soidade; mentres que no reverso aparece a figura da Virxe. Estas figuras esculpidas no cruceiro transmiten o sentido da dobre natureza de Cristo, a divina e a humana, a través da maternidade da Virxe, do sufrimento na cruz e da súa morte.
As figuras simbólicas principais que se poden atopar nos cruceiros son: a caveira, moitas con dous ósos cruzados, que se soen poñer ós pés dos Cristos; a lúa ós pés da Nosa Señora, os anxos nos capiteis ou nos pés das imaxes; e a figuración do Pecado Orixinal. Esta moitas veces redúcese a unha caveira, representación do home, e unha serpe ou unha píntega representando o pecado que se poñen ós pés do Cristo, ou no varal, ou ben no baseamento.
O que se pode considerar como elemento esencial destas construcións é a cruz, coa imaxe da crucifixión do anverso e a da Virxe (Piedade, Dolorosa…) no reverso.
Os cruceiros son unha das mostras máis ricas da arquitectura popular galega, nas que a pedra foi traballada para abrir unha xanela á relixiosidade e á historia.
Castelao dixo:
“Onde hai un cruceiro houbo sempre un pecado e cada cruceiro é unha oración de pedra que fixo baixar un perdón do Ceo, polo arrepentimento de quen o pagou e polo gran sentimento de quen o fixo. ¿Tedes reparado nos nosos cruceiros aldeáns? Pois reparade. A Virxe das Angustias , enclavada no reverso de moitas cruces de pedra, non é a Piedá dos escultores, é a Piedade creada polos canteiros.Os nosos canteiros deixándose levar polo sentimento, non podían imaxinar un home no colo da nai. Para os artistas canteiros, Xesucristo sempre é pequeno, sempre é o Neno, porque é o Fillo, e os fillos sempre somos pequenos nos colos das nosas nais.Reparade nos nosos cruceiros e descubriredes moitos tesouros”…
Os artesáns da pedra
Unha das profesións máis estendidas por Galicia é a dos canteiros, “labradores da pedra da arte popular” e das máis espléndidas e fermosas obras da arquitectura galega. Que o canteiro exista en todo o ámbito galego débese á abundancia de granito, fundamento da paisaxe galaica.
Eles ennobreceron este oficio coa exuberante contribución artística que a súa habilidade deixou na arquitectura á que impregnaron de grandiosa magnificencia.
Os canteiros, un colectivo de ancestral prestixio social, profesional e económico tal e como demostran os privilexios reais de exención fiscal e protección da facenda outorgados durante os séculos XII ó XIV ós mestres e oficiais da catedral compostelá, a pensión vitalicia concedida por Fernando II ó Mestre Mateo ou as abondosas doazóns e fundacións dedicadas a estes artesáns nos séculos XIV e XV , dexenerou a mediados do XX nunha situación de escasa autovaloración laboral (algúns canteiros avergonzábanse de selo) e de peor retribución salarial (nos anos 60 e 70 cobraban menos ca un albanel, o que facía inviable a dedicación exclusiva).
Verba dos Arxinas
A estructura gremial desta profesión foi moi pechada no medievo, onde xorden fenómenos caracterizados polo hermetismo, como a masonería ou a súa propia linguaxe chamada dos “arxinas” .A orixe da lingua ou “verba dos arxinas”, tamén chamado “latín dos canteiros” pola imposibilidade de entende-los seus diálogos cando empregaban esta xerga, foi explicada de distintas maneiras e por outros tantos estudiosos.
Mentres que algunhas teorías consideran que xurdiu do legado dos canteiros de Cuntis e da Mahía, outras, coma a de Filgueira Valverde, explícano coma o resultado, no século XVI, da chegada a Galicia de multitude de mestres e oficiais foráneos, sobre todo cántabros e biscaíños, e esa mestura laboral cos galegos provocou a xerga.
A súa funcionalidade é a comunicación exclusiva dos suxeitos do gremio de canteiros en calquera tema laboral e vital, e en realidade, trátase máis ben dun numeroso (os estudios chegaron a recompilar ata “5.000 termos de vocabulario”) compendio de substantivos e varios verbos que permiten a súa articulación. Os canteiros de hoxe en día case non usan esta linguaxe e só os máis vellos a lembran.
O médico e folclorista pontevedrés, Víctor Luís Quibén, realizou a recompilación cuantitativamente máis numerosa de termos desta linguaxe, ademais de varios textos coma oracións e un importante cancioneiro no que destacan os “cantos de erguer”, utilizados durante as tarefas profesionais para axudar a ergue-las moles graníticas.
Co seu traballo os artesáns canteiros, están expresando o espírito do noso pobo que necesitaba e necesita dos deseños que el crea a través dun diálogo reflexivo coa forma, a función e a pedra que está transformando.
A cantería actual
Os descendentes destes traballadores herdaron por imitación a labra da pedra ou senón asumían pola súa conta unha formación autodidacta. A cantería actual conta con profesionais formados en técnicas de volume procedentes das Escolas de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos, algúns por transmisión familiar e unha boa parte dos máis xoves pola Escola de Canteiros de Poio (Pontevedra) que contribuíu a evita-la extinción do máis tradicional dos oficios galegos.
A mediados dos 90 apréciase cada vez máis unha preferencia polas edificacións en pedra. Nas últimas tendencias arquitectónicas, en Galicia prevalece o estilo tradicional, incitado por sectores como o turismo, que se ruraliza e demanda a reconstrucción de antigos pazos e casas de aldea nos seus materiais orixinais (pizarra, granito, madeira). O gusto polo tradicional incide tamén nos encargos públicos e privados que reciben os canteiros. A parte do necesario labor de restauración que se está levando a cabo con gran parte do patrimonio monumental, os artesáns continúan na liña máis popular da cantería galega: cruceiros, hórreos, lareiras ou diversas tallas de inspiración relixiosa que recordan o forte vencello entre o gremio e as obras de devoción católica.
A materia prima por excelencia segue sendo o granito nas súas distintas variedades: silvestre -que é o máis axeitado para tallas escultóricas pequenas pola irregularidade das súas dimensións-, rosa Porriño -a soada e representativa pedra pontevedresa que se emprega fundamentalmente en construcción-, ou o negro Campo Lameiro, que polas súas calidades cromáticas de seriedade e elegancia é moi solicitado para monumentos e pezas funerarias.
Aínda que o cruceiro tiña en épocas pasadas un simbolismo marcadamente benefactor que indicaba o camiño ou sinalaba un punto de importancia popular baixo o ícono máis representativo da fe (a cruz), calquera canteiro que desempeñe o seu oficio na actualidade sabe que este elemento constitúe un dos encargos máis reiterados, para colocar como decoración en xardíns e casas particulares, o cruceiro soe acompañar o hórreo, outro dos protagonistas da vida agraria galega. Neste, coa beizón de Deus e os homes convertida en fetiches de fertilidade- a cruz e o falo a ambos os dous lados da construcción-, o millo gardábase a salvo da chuvia e os ratos. Hoxe, perdida a súa funcionalidade, o hórreo de cantería é unha valiosa peza artística, as veces tan impresionante como o de Carnota (A Coruña).
As lareiras lembran no seu nome ós deuses primitivos do fogar (lares) e a súa presencia non pode faltar nunha casa galega, a pesar de que agora normalmente se substitúa por unha cheminea ou que, nos tempos do microondas, para cociñar se prescinda do pote. Outras pezas como os “petos de ánimas” ou os reloxos de sol, representan un aspecto da cantería galega que pertence a épocas pasadas e que na actualidade non goza das preferencias dos clientes.
A estructura da organización profesional dos actuais canteiros en Galicia está caracterizada pola existencia de obradoiros individuais e no mapa da Comunidade Autónoma, a provincia con máis número de artesáns da pedra é, de sempre, Pontevedra, seguida de Lugo. A Coruña e Ourense dispoñen dunha nómina menor.
Canta a pedra
“Canta a pedra, durmida
e acochada,
da terra nai no garimoso seo,
esperta do seu sono milenario
e quer ser oración e pensamento,
frorece nun varal,
estendo os brazos,
e póndose de pé faise cruceiro”
R.Cabanillas